
Botar de menos cando aínda están aquí
Onte escribín e chorei no diario. Quérote tanto e que pouco te desfrutei. Sinto cada hora illada na habitación, cada súplica de xogo sen resposta e cada noite que durmiches soa, aínda que non o pudera facer doutra forma. Penso que non che importa, pero que rabia que non fora mellor.
Sempre fuches de desfruta-lo momento con alegría. Brincando, miañando feliz, e dormindo enriba do meu peito entre purrpurrs cada noite, sempre tapadiñas cas mantas e ca túa cariña sobre a miña. Incluso agora, que descansas quentiña co saquiño de sementes, ten que ser comigo, entre os meus brazos, enriba do escritorio. Sempre comigo. Malia os seis meses que tardaches en subirme no colo, e tódolos bufidos e dentadas que levei antes que iso.
Non é xusto que un bichiño de tres meses xa estivera enfermo. Non é xusto que a vida nos deixe tan pouco tempo. O saquiño de medo que entrou pola miña porta converteuse nunha nube suave de amor e alegría, de doce voz e fermosísimos ollos verdes.
Síntoo. Síntoo moitísimo. Haberá un día no que xa non estés, pero xúroche que eu estarei sempre contigo.
Quérote. Quérote infinito. Querereite sempre 💙